Saturday 18 de May de 2024

O delegado territorial da Xunta visita a unidade de Atención Temperá da Mancomunidade


Estivo acompañado polo presidente do ente, Roberto Rey, ademais de pola xefa territorial de Política Social e o alcalde e a concelleira de Benestar Social de Ordes

Ovidio Rodeiro, delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, visitou  a unidade do Servizo de Atención Temperá da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes. Estivo acompañado polo alcalde de Ordes e polo presidente do ente supramunicipal, José Luis Martínez Sanjurjo e Roberto Rey respectivamente. No encontro coas profesionais que conducen este servizo tamén figuraron a xefa territorial de Política Social e a concelleira de Benestar Social de Ordes, María Francisca Gómez e Susana García respectivamente. O principal obxectivo desta unidade é o de apoiar o desenvolvemento infantil e a inclusión sociofamiliar dos nenos e nenas de entre 0 e 6 anos que precisan asistencia ou atención especial. Apóstase así por un modelo fundamentado na prevención, na promoción da autonomía persoal e na inclusión social a través da prestación de servizos na proximidade das familias e nos contornos naturais da vida dos nenos e nenas.

As cifras deste ano sitúan a media en 160 casos en Ordes, tratados por un corpo de profesionais composto por dúas logopedistas, unha psicopedagoga e unha psicóloga.
O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar que esta mesma semana remata o prazo para que os concellos interesados poidan solicitar as subvencións para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá para este ano 2018. O crédito inicial previsto e susceptible de ampliación ascende a 1.388.545 €, e está cofinanciado polo Fondo Social Europeo dentro do Programa Operativo 2014-2020. Isto tradúcese nun incremento do 13,03% con respecto aos recursos destinados para esta mesma finalidade no anterior período.

Ademais de consolidar a Rede galega de atención temperá a intención é a de seguir reforzando a coordinación dos profesionais que prestan o servizo. Así enténdese a acción coordinada das áreas de Sanidade, Educación e Política Social como o eixo para garantir a abordaxe integral e temperá do desenvolvemento infantil e o apoio ás familias. Tamén se persegue facilitar a formación destes profesionais mediante programas desenvolvidos en colaboración conxunta coas consellerías implicadas. Nas dúas últimas edicións (2016 e 2017) participaron máis dun cento de profesionais dos ámbitos sanitario, educativo e social.